Pagina en Castellano Páxina en Galego Page in English Deutsch
AXENA
Asociación Xuvenil para o Estudio da Natureza
Contacto | Aviso legal

Quen somos

A idea de formar a Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA) xurdiu dun grupo multidisciplinar, formado fundamentalmente por novos investigadores e estudantes de Bioloxía, Enxeñaría de Telecomunicacións, Imaxe e Son, e Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo... naturalistas todos eles.

A nosa paixón pola natureza e a nosa curiosidade levaron a cabo o desenvolvemento dunha tecnoloxía apropiada para o respetuoso estudo e observación da fauna salvaxe, habitualmente esquiva e tímida ante a presenza humana.

En Galicia temos moita sorte, xa que a nosa terra ten o privilexio de contar cunha grande biodiversidade, debido ós innumerábeis hábitats e ecosistemas que existen nunha área xeográfica relativamente pequena. Pero a natureza galega sufriu grandes cambios nas últimas décadas -como a degradación e destrución de hábitats, os diferentes tipos de contaminación-, feitos que requiren da máxima concienciación cidadá para que os esforzos realizados en prol da conservación obteñan os mellores resultados.


O desenvolvemento das novas tecnoloxías nos últimos anos sitúase como un dos principais eixos de investigación e desenvolvemento por parte da universidade e da empresa privada. Por outra banda, este desenvolvemento tecnolóxico que normalmente é considerado coma un agresor do medio ambiente, pódese utilizar coma unha poderosa ferramenta para a procura de información e para a sensibilización e a educación ambiental.

Todos estes contidos e información están volcados nesta web, a modo de guías, artigos, comentarios e os nosos queridos “microdocs”: pequenos clips de vídeo dalgunha das especies observadas con diversa información sobre elas.

O noso obxectivo ten unha clara vocación divulgativa; é dicir, que cheguen os contidos a tódolos públicos. Debido a este afán, somos conscientes da perda de precisión científica a prol da divulgación.

En todo caso, cando se traballa con especies animais salvaxes, un profundo respeto e saber facer debe dirixir tódalas accións que se realicen perto deles, para evitar ocasionar calquera percance que lles poida molestar.

Partindo dunha dobre premisa circular: “para conservar hai que coñecer, hai que coñecer para divulgar”, eses coñecementos esperamos que poidan valer para acercar a natureza que nos rodea á nosa sociedade.

Para rematar, queremos agradecer á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia o seu apoio pola concesión dunha subvención que axuda a cubrir parte dos gastos da nosa entidade para a realización das nosas actividades durante este ano 2006.

©2006 - AXENA